“a constelación humana na que me integro” — entrevista con Xosé de Cea

editora Urutau
5 min readJun 9, 2020

--

A 74ª dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.

por Silvia Penas Estévez

Xosé de Cea (Barcelona, 1970)

A poesía é unha forma de ver o mundo?

Máis que de velo, que tamén, considero que é unha forma de aprehendelo. Con todos os sentidos, con todo o ser, corpo e alma armados de palabras para capturar aquilo que esas mesmas palabras, por si mesmas, sen estar conxuradas polo fulgor poético, non son quen de atrapar.

Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?

Nunca. Cando escribo poesía, precisamente, fágoo nun diálogo íntimo cunha determinada realidade, dende o baleiro, dende o silencio da páxina en branco, sen nada que interfira a simbiose, sen nada que obstaculice a fertilidade das palabras, o seu pulular espermatozoide ao redor dun significado.

Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?

Hai anos, afirmábase que un libro de poemas en galego que vendese cincocentos exemplares podía considerarse un bestseller. Ignoro se hoxe segue a ser igual pero, de ser certo ese dato, contrastalo co número de persoas con obra poética publicada en galego daríanos una resposta bastante atinada á pregunta. Intúo que boa parte das persoas que len poesía tamén a escriben aínda que non publiquen, pero isto xa é pura especulación.

Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc?

Creo que, ben usadas, son unha boa ferramenta para a promoción e difusión da maioría de expresións culturais, especialmente para as que nos chegan en formato audiovisual. No eido poético, tamén semellan un vehículo idóneo para modalidades como o rap ou o poetry slam; mais para outro tipo de poesía paréceme un entorno demasiado ruidoso, moi afastado do que che transmite unha boa edición impresa.

O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?

O proceso creativo, segundo lle cadre. Pode ser explosivo e rápido ou máis demorado, depende. No caso de “Versos para alén da ponte”, o feito de traballar con sonetos fixo que a execución fose máis laboriosa e pausada. Máis alá da propia escrita, todo poema ten tras súa un período de maduración vital e literaria sen o cal non podería xurdir e, trala erupción, cando a lava petrifica, vén un outro proceso de corrección, puído, que non deixa de ser un novo madurar. Un poema debe ser, necesariamente, atemporal, se ao final devén en ser perenne alimentado pola conciencia lectora.

VERSOS PARA ALÉN DA PONTE (no prelo, editora Urutau, 2020)

Este libro, Versos para alén da ponte, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?

Xurdiu dunha experiencia vital extrema, traumática, cando un tremor sacudiu a constelación humana na que me integro e moitas das súas estrelas comezaron a caer, a extinguirse. Foi un mirar en fite a morte, pero nun proceso longo de máis, demorado coma unha tortura, a condena de vivir a morte, na morte, trala morte.

A ponte á que alude o título é a ponte que vía miña mai moribunda nunha habitación da planta de coidados paliativos do Hospital Lucus Augusti. No medio dunha brétema de morfina, haloperidol e fentanilo, laiaba: «Teño medo de cruzar a ponte. Teño medo de cruzar a ponte». Estas palabras abriron para min unha raiola de ferinte lucidez, tiñan a forza incontestable dos arquetipos junguianos. Di Juan Eduardo Cirlot, no seu Dicionario de símbolos, que «…o paso da ponte é a transición dun estado a outro, en diversos niveis (épocas da vida, estados do ser), pero a outra beira, por definición, é a morte». Miña mai non sabía quen eran Jung ou Cirlot e, probablemente, nunca escoitara palabras como arquetipo; pero naqueles días falou con asiduidade cos seus devanceiros mortos e deu os pasos para afrontar aquel último desafío. Estes versos escribíronse antes, durante e despois deste episodio nas nosas vidas, brutal e definitivo como unha amputación; irrevogable tamén, como unha ponte.

Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor) ? Poderías explicar por que?

Sen dúbida, o último poema completo polo que ten de culminación dun proceso, de credo vital e desafío. Pero, precisamente por iso, non podo transcribilo porque a persoa que lea estes versos debe culminar tamén no derradeiro soneto a súa experiencia lectora. Escollerei, entón, uns que agachan a rabia e a furia que anegou unha parte importante do proceso vital e creativo que agachan estas páxinas: “…chanta na terra / e, con coraxe, da alma os puños ferra”.

Como coñeciches a editora Urutau?

Descubrina porque me chegou a promoción de “O sentido do infinito”, de Manuel Miragaia, a quen non teño o pracer de coñecer pero sigo en Facebook. A partir de aí foi todo un achado atopar unha editora que está a facer un traballo espectacular apostando por voces decotío na periferia da periferia, voces nas que outras editoriais de perfil máis empresarial non ven negocio abondo como para crer nelas. O catálogo que está forxando Urutau, coa mesma aleación na que se forxan os afectos, non coa groseira argamasa dos beneficios, dá e dará que falar.

xosé de cea

naceu en Barcelona. Xornalista de profesión, leva case dúas décadas traballando para o Sindicato Labrego Galego (La Vía Campesina) e coordinando o seu voceiro, o periódico Fouce. Tamén traballou en La Voz de Galicia e realizou colaboracións para A Nosa Terra, Praza Pública, Página Abierta, Tempos Novos e Soberanía Alimentaria.
No eido literario ten tocado diversos xéneros na súa obra, como narrativa infantil e xuvenil (O lume dos soños, Revolución Detrito) ou crónica (Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST).
No ámbito poético, publicou Presencia da fenda, Solsticio de río e Vilareda. Tamén colaborou nos libros colectivos E de súpeto o inverno e Andares. A Terra do Medio.

--

--

editora Urutau
editora Urutau

Written by editora Urutau

editora brasileira, portuguesa & galega.

No responses yet