“a poesía foi unha forma de situarme no mundo e unha actitude fronte ao tempo e o lugar que me tocou vivir” — entrevista con Alberte Momán Noval

editora Urutau
5 min readMay 27, 2020

--

61ª dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.

por Silvia Penas Estévez

Alberte Momán Noval (Ferrol, 1976)

A poesía é unha forma de ver o mundo?

Para min, a poesía foi unha forma de situarme no mundo e unha actitude fronte ao tempo e o lugar que me tocou vivir. Primeiro significou un medio para coñecerme a min mesmo, para atopar un lugar, e só co tempo conseguín transcender ao eu e comezar a mostrar a miña propia visión do mundo. Pero, dende logo, a poesía, dende o meu punto de vista, foi moito máis que unha simple forma de ver o mundo. É case unha forma de ser. Non me vexo a min mesmo como un poeta que escribe poesía, as cousas que escribo vivinas previamente, son unha extensión de min mesmo.

Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?

Cando comecei a escribir, facíao a modo de terapia, non por prescrición facultativa, senón debido a unha necesidade de expresar as cousas que doutro xeito non era capaz. Precisaba reafirmarme nas pequenas verdades que me sostiñan cada día. Polo tanto, na realidade nunca houbo un lector ou lectora potencial ao que dirixirme. De feito, non lia o que escribía, nin para corrixilo. Moito do que fun deitando polo mundo adiante son primeiras versións que nin me molestei en reler pasado o tempo.
Dende hai uns anos, si releo e corrixo, tamén me dirixo a alguén, sempre próximo que me inspira e me incita a escribir sen ser realmente consciente de que estou tentando realizar unha fotografía subxectiva da súa persoa. Este feito si inflúe no que fago, obrígame a establecer unha conexión moi íntima con outra persoa e a poñerme no seu lugar en calquera situación. Require un proceso demorado, tamén precisa de observación e o resultado, malia que continua ser impulsivo e breve, como o psychobilly, obrígame a dubidar de min, derrubar as certezas que tiña asentadas e que me serviron para manterme en pé nos anos máis difíciles. Iso plásmase no que fago, queda reflectido, posiblemente, dun xeito non moi visible pero si presente.

Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?

Non creo nin que os poetas se lean entre si. Na miña opinión, e espero estar errado, os lazos de amizade ou simpatía esténdese á lectura. Os e as poetas len a aquelas persoas que lles resultan simpáticas, por calquera motivo, incluso sen coñecelas en persoa. O resto da poboación simplemente, na súa maioría, non le poesía, posiblemente, nin narrativa. Coido que o mellor que pode ilustrar ese feito son as vendas fóra dos círculos do ensino medio. Se non se le poesía, entre outras moitas cousas, é porque non se coñece aos e ás poetas. Eu comecei a ler e a escribir, pero isto último veu moito tempo despois, porque me caeu simpático Suso de Toro.
As redes sociais e a explosión de persoas que viraron famosas grazas a eses medios, coido que serviu para que un certo tipo de textos poéticos se virasen libros de certo éxito. Son varios os instagramers que se fixeron populares e con eles o seu xeito de escribir poemas.

Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?

Coido, por unha parte, que as redes líganse tamén polos mesmos principios de simpatías. As redes funcionan como calquera outra campaña de marketing, por repetición e por mostrar unha cara amable como resposta a unha análise do que o público en xeral considera que precisa nun momento determinado. Son efectivas até certo punto e, na maior parte dos casos, poe medio do apio doutros medios ou intereses. Mais a pequena escala, considero que serven para simplificar a comunicación dunha determinada mensaxe, sempre que esta responda a unha serie de características, como a brevidade, de impacto visual… En definitiva, podemos consideralas como un complemento interesante dentro do noso entorno máis inmediato.

O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?

A materialización do poema é a etapa final dun proceso máis demorado. Pero xorde como unha necesidade, unha pulsión que se mostra e se esgota como un raio. Por iso, cando queda plasmado no papel aparece unha sensación de alivio e tranquilidade, posterior ao da escrita, que pode chegar a doer, incluso fisicamente.

Este libro, Non venal (no prelo, editora Urutau, 2020), en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?

Este libro ten unha protagonista real. Unha persoa á que me aproximei e á que pretendín interiorizar, inicialmente só co propósito de coñecela mellor. Co tempo fun percibindo a necesidade de crear unha ficción ao redor do que esta persoa me suxería. Non se pode dicir que sexa unha historia baseada en sucesos reais, como eses horribles filmes de sobremesa, pero si que hai moito de real no que se conta.

Cal é o teu verso favorito do libro? Poderías explicar por que?

Quererte para querer. Amarte para ser amada, se te aman.

Este verso, pero escrito de mil maneiras distintas, acompáñame dende hai moito tempo. Está inspirado nun par de versos dun poema de Samuel Beckett. O orixinal non é así, vén a significar algo parecido, sempre que a miña tradución do orixinal fose a correcta. Utilicei tantas veces o sentido deste texto, que xa non importa se é o mellor ou o peor de todo o libro, non podería renunciar a el.

Como coñeciches a editora Urutau?

Coñecina por medio das persoas que coñecía en persoa e que publicaron con ela.

Algunha observación que queiras engadir?

Non creo que me resultase fácil engadir nada máis neste momento. Segundo pase o tempo, se alguén ten algunha apreciación sobre o texto que desexe compartir comigo, seguro que poderei engadir algo máis ao que dixen.

Alberte Momán Noval

Autor de poesía e narrativa. No eido da edición estreouse colaborando co colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar na coordinación dos Q de Vian
Cadernos
. Posteriormente crearía dous selos editoriais propios, O Figurante e Emerxente. Actualmente vese inmerso no desenvolvemento do selo M Editora.
No campo da narrativa, cunha grande compoñente de experimentación que comeza coa publicación de Vattene!, traballa sobre o concepto da micronovela, onde une xéneros como a fantasía e a ciencia ficción dende unha perspectiva que o achega ao surreal, rescatando, ao mesmo tempo, a esencia de formatos, hoxe case desaparecidos, como o pulp. Nesta liña encadraríase
a Triloxía Vátenne! O legado extraterrestre (culminación daquela primeira micronovela), Bosquexos para unha distopía, Lapamán, Ocidente
e Barata minha barata. Estas dúas últimas escritas en portugués padrón.
No que respecta á poesía, despois de anos desenvolvendo, como liña temática, unha retrospectiva profundamente autobiográfica, pretende romper con esa dináminca con 1 [14] 1, no que leva a ciencia ficción, ou poesía ficción como
aparece no libro que está por saír, ao eido da poesía, recollendo a bagaxe dos últimos anos de experiencia na narrativa para unificar xéneros, desenvolvendo unha historia de ficción que se integra no que era, até o momento, o seu último libro de poemas.

--

--

editora Urutau
editora Urutau

Written by editora Urutau

editora brasileira, portuguesa & galega.

No responses yet