“a poesía non ten outro lugar que a vida. É o extremo contrario á doutrina, non admite clasificacións” — entrevista con Amauta Castro

editora Urutau
4 min readMay 14, 2020

--

A 48ª dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.

por Silvia Penas Estévez

Amauta Castro (Barakaldo, 1981)

A poesía é unha forma de ver o mundo?

De ver, e máis que de ver pode que sexa unha forma de escoitar o mundo. Quizabes é por iso que percuramos a voz que clama, que escava onde as outras funcións da linguaxe non advirten a froza desconcertante da vida. Porque a poesía non ten outro lugar que a vida. É o extremo contrario á doutrina, non admite clasificacións.

Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?

Penso en trasladar a vivencia á palabra, e dalgún xeito penso que alguén deberá (a través da lectura) pasar da palabra á vivencia.

Procuro escribir, sen aferrarme.

Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?

Na sociedade actual todo aparece e desaparece rápido. “A utilidade é o idolo do noso tempo” dixo Schiller. Malia todo hai quen resiste e acolle o poema como unha necesidade. Ese público que se identifica cos versos e os incorpora á súa bagaxe vital, existe. É a esa xente que debemos estender a nosa man.

Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?

As RRSS son unha canle. Houbo e hai moitas outras. No meu caso aproveito as RRSS para achegar ao lector ou lectora ao contexto real do poema, á súa circunstancialidade. Activando unha fórmula poética que decote dialoga coas imaxes, e na que non existen xerarquías nin estruturas que ubiquen o poema dun xeito concreto como faría o formato libro. É unha canle na que a escrita aparece sen mediación, á intemperie.

O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?

O poema é un proceso de xestación. Acompáñame durante un tempo, longo ou curto. Unha necesidade de expresión que tentamos resolver na linguaxe pero que adoito prefire ausentarse. Un descenso que nos colle da man, un traxecto sen explicar.

Constante hora de boca e precipio (editora Urutau, 2020)

Este libro, Constante hora de boca e precipio, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?

Nace dunha serie de experiencias moi sedimentadas, antigas, filtradas sen dúbida pola memoria. “Constante hora de boca e precipicio” tenta pasearnos polo eros, pola expulsión do clan, polo tedio ou polo cansazo vital.

Reitero que aparece, como calquera outra obra, desde unha lectura crítica da memoria.

Cal é o teu verso favorito do libro? Poderías explicar por que?

Morrías amor rompendo como ínfima tea ardida”, quizabes porque poderia ser paradigmático do meu modelo de poema. Un único verso que conforma un poema.

Como coñeciches a editora Urutau?

Coñecín Urutau nun primeiro momento, a través de Lobotomias para flores de Alfonso Rodríguez Rodríguez. Trátase dun poeta que admiro e con quen comparto algunha que outra reflexión. E máis tarde a través de Metafísica da ausencia de Marcus Daniel Cabada e Meteoro Imantado de Noa Moreira. Curiosamente o catálogo de Urutau está ateigado de grandes poetas (Eva Méndez, Ronsel Pan, Gaspar Domínguez, Patricia Meira…). O traballo editorial é impecable e deu a coñecer moitos nomes novos dentro do panorama poético en lingua galega. Alén diso, o ritmo de edición de Urutau foi altísimo nos últimos anos, cousa que non deixa de sorprender positivamente.

Algunha observación que queiras engadir?

Si, que neste tempo de pandemia “Que nada se achegue ou toque./ Só mímica / para manter o frío”.

Amauta Castro

(1981)
pseudónimo de Rafael Xoán Muñoz Castro, poeta en lingua galega que actualmente reside en Catalunya. Ten colaborado en diversas publicacións literarias como Dorna, Revista Ligeia, Revista Elipse, Andar21, Ultragráfico, etc. Participou tamén en volumes colectivos como Antoloxía poética da diáspora galega (2007) ou O poliedro da soidade (2018). A súa obra Da pel sae o escuro (2018) foi gañadora do XXXI Certame de Poesía Rosalía de Castro (2017). Ten dous poemarios individuais publicados: Nos muros do mundo (2012) e A tarde. O desacougo (2019), obra que foi merecedora do XXXI Premio Nacional Pérez Parallé de poesía.

--

--

editora Urutau
editora Urutau

Written by editora Urutau

editora brasileira, portuguesa & galega.

No responses yet