“a vista de paxaro temos que ser impresionantes” — entrevista con Noa Moreira

editora Urutau
3 min readMar 30, 2020

--

A terceira dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.

por Silvia Penas Estévez

Noa Moreira (Salcedo, A Pobra do Brollón, Lugo. 1985)

A poesía é unha forma de ver o mundo?

Diría máis ben que é unha maneira de ler o mundo. Para a que escribe, le ou escoita. Non sei aínda se pode ser equivalente a ver.

Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o?O que escribes vese afectado por iso?

Nunca penso en lectores cando escribo, pero si é certo que cando releo a miña poesía e a escollo e ordeno penso en dúas persoas concretas. Vese afectado no sentido de que se penso que non lles vai gustar pode que queden fóra da selección. A non ser que a min me gusten moitísimo.

Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?

Teño a sorte de pertencer a unha tribo moi curiosa culturalmente. Así que non, non só os poetas len poesía. O que observo é que canta máis poesía se le, máis se atreve a xente a escribila. Pode que todas as persoas que len poesía acabemos sendo poetas en maior ou menor medida e por iso exista esa idea.

Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?

A min non me parece que as redes sociais desvirtúen a intelectualidade do mundo literario ou artístico, de feito, pensalo paréceme bastante pedante. Pero igual que na vida real, hai que ser crítica e selectiva co que se segue. A min, para enterarme de eventos, lanzamentos editoriais, coñecer autoras novas e así vanme que nin pintadas!

O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?

Todos os poemas que me gustan saen de maneira impulsiva, dunha imaxe que me ven á cabeza, un recordo, calquera cousa. Si que teño sentado a escribir porque me apetecía crear, e normalmente desas experiencias rescato algún verso que a maioría das veces se fai poema el só.

Meteoro Imantado (2019, Editora Urutau)

Este libro, Meteoro imantado, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?

Dixen moitas veces que este libro era un diario, pero caín na conta de que en realidade é un álbum de fotos. Sexa como for, o que está claro é que nace do medo ao esquecemento e das ganas de revivir momentos que foron felices. Sempre tiven na cabeza a idea de publicalo para facer un regalo. Chegábame un só exemplar, pero alégrame moito que foran máis. :)

Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor) ? Poderías explicar por que?

e fasme Penélope sendo serea”. Gústame porque a pesar de que Penélope é un recurso do que xa botou man moitísima xente, é un dos versos máis reais e máis honestos que ten o meu libro. Ademais, todo podería resumirse nel.

Como coñeciches a Editora Urutau?

Coñecina a través de Facebook, aló polo 2018. Creo que alguén me mandou a chamada aberta daquel ano, pero non cheguei a tempo. Ainda así, non deixei de seguila. Adoro o seu compromiso e o cariño co que tratan ás autoras. Estou convencida de que xa está facendo historia e toda a que lle queda. E faime feliz porque me encanta pertencer a ela. Voe!

Algunha observación que queiras engadir?

“a vista de paxaro temos que ser impresionantes”. É o meu segundo verso favorito do Meteoro, quería ensinalo. ;)

Noa Moreira

(Salcedo, A Pobra do Brollón, Lugo. 1985)

Unha muller que perfura coa palabra os segredos da súa tribo. Unha poeta libre que escribe polas noites co candil da súa mente que podería alumear a serra toda.

Escribe porque é poeta pero cando non escribe tamén o é.

--

--