“De Paraíso lembro que volvín e era xa o futuro” — entrevista con Silvia Penas Estévez
A primeira dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.
A poesía é unha forma de ver o mundo?
Penso que a poesía máis ca na forma de ver estaría no mirar. Por un lado a mirada de quen escribe e despois a mirada de quen le. É o mundo o que está filtrado por esa mirada? Acaso algunha cousa escapa ao que entendemos por mundo?
Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
Dicía Szymborska que ela escribía imaxinando ao/á lector/ detrás da orella, como unha forma de autoesixencia. Préceme un xeito marabilloso de autoimpoñerse un criterio máis ríxido. Porén nunca escribín nada pensando en que sería ou non sería publicado, é estraño, porque contra isto é certo que teño varios libros publicados e centos de recitais e concertos ás miñas costas, pero mentres estou no medio de crear algo, non teño na mente como finalidade amosalo publicamente, entón para a min a figura de recepción desaparece do proceso e reaparece unha vez rematado.
Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?
Creo que hai un lectorado de poesía arrandeando no bordo da extinción, parafraseando un verso de Elvira Ribeiro que me encanta. E os/as poetas léndonos entre nós, porque nos gusta a poesía e por cheirar o que fai a veciñanza, como acontece en toda comunidade que se prece.
Tamén hai unha rede de apoios e ímonos dando afecto entre nós, asistindo ás presentacións, facendo proxectos en colaboración ou como resistencia. É fermoso iso, gústanme moito os encontros de poesía con ese espírito de colectividade.
Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?
Esa pregunta cólleme nun mal momento, deixei as redes sociais porque me creaban moito ruído mental, ata o punto de ver as cores do Facebook ou do Instagram e provocarme un gran rexeitamento. Efectivamente poden servir para difundir, si, pero non me parecen unha ferramenta inofensiva.
O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
As dúas cousas. Adoita aparecer como algo impetuoso e irrefreable, pero despois déixoo repousar, sácholle a broza, e pasa por un proceso bastante máis longo.
Este libro, Fronteira Paraíso, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
Xurdiu nun verán, penso que foi o verán do 2016, e non se publicou ata o 2019, por ese proceso do que falaba antes, que ten máis que ver con afacerme eu á idea do libro, que co propio libro. Era agosto e coa calor non puiden durmir varias noites, nese sentido diría que xermolou do insomnio e da procura de entender algúns aspectos da violencia.
Cal é o teu verso favorito do libro? Poderías explicar por que?
“De Paraíso lembro que volvín e era xa o futuro”
Gústame porque é o último verso, sufro moito para rematar todo aquilo que empezo. Escribir ese verso e poñerlle punto final para min é como iniciar as vacacións, ou un venres pola tarde, algo liberador.
Como coñeciches a Editora Urutau?
Wladimir, editor da Urutau en Galicia e Elena adoitaban vir aos concertos da nosa formación Cintaadhesiva, comezamos a falar.
Algunha observación que queiras engadir?
Quero engadir que de Fronteira Paraíso o que máis me gusta son as fotos que fixo Jesús Andrés Tejada, e que todos os libros da Urutau son bonitísimos. Parabéns.