“de trapos se fixo o mundo” — entrevista con Cristina Corral Soilán

editora Urutau
5 min readApr 8, 2020

--

A 12ª dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.

por Silvia Penas Estévez

A poesía é unha forma de ver o mundo?

Por suposto, incluso diría que é un xeito de vestilo, ou de adornalo. O mundo é o que é, pero tamén é certo que dende a poesía podemos ir un pouco máis aló e descubrir cousas, ou dicir cousas del, que doutro xeito máis prosaico non sería posible facer.

Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?

Non, o que escribo é absolutamente un desafogo persoal, un xeito de ver o mundo, como che dicía antes. Mais penso que seguro que hai moit@s lectores/as aos que, a través dos poemas, lles removo cousiñas que tiñan dentro pero que estaban durmidas. A min pásame o mesmo con moit@s autores/as cando son lectora. Por iso non me afecta directamente no momento de escribir, máis ben diría que cando xa está escrito e alguén me acompaña coa lectura dos meus versos, e vexo que os disfruta, entón si que me afecta, dun xeito realmente positivo e moi satisfactorio.

Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?

Penso que ambas cousas existen e son perfectamente compatibles. Coñezo a moita xente que non escribe e que le poesía, porque como che dicía, espértalle sensacións e sentimentos que non son doados de sacar no día a día, non é mester ser escritor/a para sentir fondamente o escrito por outr@s. E ao mesmo tempo por suposto que pensó que @s poetas lemos a outr@s poetas, como fonte de inspiración, sen lugar a dúbidas, pero tamén como fonte de satisfación. Retroalimentámonos, non hai dúbida. Non coñezo a ningun/unha cociñeir@ que non desfrute degustando un saboroso prato elaborado por un/unha compañeira ;)

Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?

Son fantásticas como difusoras da arte, permítennos chegar a lugares onde nin sospeitabamos chegar hai uns anos, onde ou eras d@s “elexid@s” por este “mundillo” ou non tiñas nada que facer… eu so teño un problema con este tema das redes á hora de ler dixitalmente, e é que me encanta ler en papel, así que tamén navego físicamente polos andéis das librerías sempre que podo… que lle imos facer! cada unha ten as súas teimas. Ainda que coido que debemos ser moit@s, porque se nos fixamos, moit@s dos autores/as das novas xeracións despois de pasar polas redes sociais (onde son descubert@s) publican en papel… as editoriais abren novas liñas de publicación para @s máis nov@s, benefícianse das ventas, e a xente nova vai entrando nas librerías, non é mala cousa tampouco.

O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?

De súpeto, explosivo e rápido, eu non o podería definir mellor…jajaja. Volvendo á alegoría culinaria, cando máis che presta comer é cando tes fame, ainda que é certo que as veces tamén te pos en tesitura, fas fame e acabas comendo. Podo participar en ambos procesos, pero como sempre andamos fatal de tempo, poucas veces podo parar sentar e contemplar o mundo ou reflexionar sobre el tanto como debería. Así que moitas veces saen espontáneos, debe ser cando a ola reborda moito e o contido poético rezuma, entonces sento, escribo e velaí vai, poema no papel :P.

Ficar (editora Urutau, 2018)

Este libro, Ficar, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?

Pois, como comentaba, o xermolo dos meus libros adoita ser a vida diaria.
Ao vivir é irremediable sentir. Cada instante vivido que che afecta dun xeito ou outro xenera sensacións, e as veces como explicaba teño a necesidade de plasmar ese xeito de ver os acontecementos vitais, deixalos escritos é unha maneira de facer que fiquen na memoria, na persoal e na colectiva en certo modo. Ficar a través do sentimento é da palabra escrita… vou acumulando sentires e acaban conformando libros.

Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor) ? Poderías explicar por que?

Pois esta si que é unha pregunta complicada, como se tiveras que elexir a un/unha fill@ favorit@ de entre tod@s! Non por favorito, pero si pola situación que representou, un cancro polo que pasou meu pai, recomendaría As Esperas… pero dado que as avoas son moi importantes nas nosas vidas, os adicados a elas gústanme especialmente, porque son unha homenaxa ao que as mulleres destas xeracións previas as nosas levan pasado na súa vida:

CAPAS

Á avoa Herminia, loitadora.

Sobre as capas de pintura
hoxe salouca triste a pedra,
e esa area fina
que disque viña da praia,
inda fai burbullas no teu nome.

O esterco de percebes na horta
e o salitre nas paredes
sempre semellaron cousa estrana…
bágoas salgadas nas lembranzas,
esas que,
ás agochadas,
pouco a pouco,
me fuches contando…

Historias truncadas e
para min,
confusas,
porque son máis doces
cando tés catro anos.

DE TRAPOS

Á avoa María, loitadora.

De trapos se fixo o mundo,
con sacos carretados ao lombo,
con bicos de pan
e estraperlos na Ponte.

Fuxir dos vermes,
esa era a consina,
e ti, María,
ti sempre chegabas cedo á casa.

Como coñeciches a Editora Urutau?

A través dunha convocatoria que fixo online (e aquí podemos ver de novo a importancia que as redes teñen como difusoras de cultura) para autores/as galeg@s. Pareceume precioso o contacto entre países lusófonos, sobre todo pensando nese lavado de cerebro que non nos deixa vivir, sobre o tema de que o galego so serve en Galicia, como se foramos un reducto da resistencia… o mundo lusófono é grande e esta é unha bonita maneira de amosalo.

Algunha observación que queiras engadir?

Si. As humanidades, non son ocio so ou non deben selo, ou materias secundarias nas escolas, as artes, en toda a súa extensión son as que nos fan persoas máis sensibles ao mundo. Non o esquezamos e non deixamos que as nosas crianzas o vivan. Gracias por darme voz.

Cristina Corral Soilán

É xornalista, graduada en Educación Primaria e licenciada en Hispánicas e pola Universidade Camilo José Cela (UCJC) e a Universidade de Santiago (USC) respectivamente. Nesta última cursou tamén estudos de Filoloxía Inglesa.

Realizou os Cursos de Doutorado no programa de Educación, Diploma de Estudios Avanzados (DEA) en Educación e Creatividade: Aplicacións Tecnolóxicas, Sociais e Psicopedagóxicas na UCJC.

Ten traballado como xornalista no diario El Progreso de Lugo e na axencia de novas Europa Press. Foi guionista e exerceu o cargo de subdirectora da Revista Foeminas da Casa da Muller do Concello de Lugo.

Na actualidade desenvolve o seu traballo como profesora de Educación Secundaria de Lingua e Literatura Española en centros de toda Galicia.

É autora dos poemarios Anxos de Pedra (Scio, 2001) e Esencia de Trementina (Scio, 2008). Escribe contos, teatro e cancións para nen@s e colabora con diversas revistas como Xistral ou Trasluz.

Ten colaborado ademais con outros medios dixitais como Galicia Digital, Praza Pública ou Galicia Confidencial. É coeditora do fanzine sociocultural online A Revolta e cofundadora do proxecto de radio escolar Espora (Escolas pola radio).

--

--

editora Urutau
editora Urutau

Written by editora Urutau

editora brasileira, portuguesa & galega.

No responses yet