“deitada no chan da cociña, inmóbil, imito a morte” — entrevista con Vanessa Glemsel
A oitava dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.
por Silvia Penas Estévez
A poesía é unha forma de ver o mundo?
Máis que unha forma de ver o mundo é como un xeito explicarse a realidade, algo así como unha maneira de explorar ou de explorarse.
A poesía é unha necesidade de vomitar.
Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que
escribes vese afectado por iso?
Non, escribo atendendo a esa “necesidade de vomitar”. Logo acontece, ou non, que as persoas que reciben o poema conecten. Ás veces si, ás veces non. É un proceso egoísta que acontecería igual, ou polo menos no meu caso, sen a existencia de alguén alleo, outra cousa é se iso sería poesía ou algo literario.
Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que
os poetas se len entre si unicamente?
Nin sequera aos poetas nos gusta ás veces ler aos propios poetas…
Coido que hai un lectorado de poesía, pequeno iso si. Polo demais se che gusta facer poesía tes certa necesidade de ler poesía, aínda que o máis probable é que aconteza ao revés, primeiro les e logo bótaste a escribir.
No meu caso, eu era unha especie de “becho lector” nunha casa onde os libros, alén da enciclopedia típica que tiñamos no salón, eran un produto inexistente pola teima da miña nai coa limpeza (disque acumulaban po), así que cando accedín na biblioteca do cole a un libro de poesía fiquei fascinada, non porque entendera todo senón pola forma e por como transmitía algo que non sabía descifrar. Acceder a poesía foi algo así como metade rebelión inconsciente, metade acto de transgresión da “lei do fogar”.
Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais
etc.?
A marxe da miña ineptitude coas redes sociais, si que é unha fonte de difusión interesante. Teño que recoñecer que grazas ás redes accedo a eventos, libros e mil cousas máis ás que por medios “tradicionais” non accedería. As redes mudárono todo e, ás veces, incluso para ben.
O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira
explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
O xerme do poema si que nace como algo súpeto, un verso, unha imaxe, unha idea…pero preciso tempo para modelalo, para que quede exactamente como o imaxinei. Para min é un proceso lento de elaboración e descarte, podo pasar tempo dándolle voltas a algo, escribilo, “limpalo” e que remate no balde do lixo, e logo en 10 minutos escribir o definitivo, pero é que na miña cabeza leva “facéndose” meses.
Este libro, Sutura, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías
que ten o seu xermolo?
Sutura nace da supervivencia, da necesidade de explorar certos traumas. É algo así como o fin dunha loita comigo mesma e as miñas circunstancias, dunha especie de “ata aquí chegou”. A aceptación total da febleza, un “agora vivo” a pesar de todo. Sutura é unha caixa de aspirinas.
Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor)?
Poderías explicar por que?
“deitada no chan da cociña, inmóbil, imito a morte”
O resumo de todo, sen máis. Ata hoxe nunca conseguín dicir máis con menos.
Como coñeciches a Editora Urutau?
Coñecín o primeiro libro que editou e dende aquela seguín a súa conta de Facebook e o seu traballo.
Algunha observación que queiras engadir?
Hakuna matata e todas felices!
Vanessa Glemsel
(Castrelos, Vigo, 1987)
Lercha, creadora poética e recitadora. Cursou o Grao en Estudos de Galego e Español na Universidade de Vigo, aínda que tamén se formou en disciplinas como improvisación teatral, técnica vocal, teatro, escritura creativa ou creación poética.
Desenvolve o seu labor artístico no eido da palabra falada (spoken word) e a poesía escénica. Creou con Nuria Vil o espectáculo de poesía oral Dúas gamberras e un micro. Participou na creación e representación da peza de intervención escénica Campo de Batalla do extinto Grupo F. Interveu en múltiples festivais e eventos poéticos nacionais e internacionais.
Realizou traducións para a escena e o audiovisual. Os seus textos están espallados nas páxinas de proxectos moi diversos: libros (Artistas — Davida, 2018 — , Dentes para a mazá — Chan da Pólvora, 2018 — ), fanzines, revistas…
Colabora na organización e produción de eventos culturais e desenvolve proxectos de edición. É colaboradora na revista Tempos Novos . No ámbito da educación non formal imparte obradoiros de diversa índole e aulas de tradición literaria galega na escola de escritura creativa Aliteraclara .