“Escribo o que me move nese momento” entrevista con Teresa Ríos Noya
112ª de uma série de entrevistas com as/os poetas da editora Urutau
por Silvia Penas Estévez e nósOnça
A poesía é unha forma de ver o mundo?
Sen dúbida. Engadiría que é cada vez máis necesaria.
Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
Non. Escribo o que me move nese momento.
Cales son os/as poetas da actualidade/vivos/vivas que máis lle tocan nese momento?
Leo moita poesía, sobre todo de poetas mulleres. É ultimamente estou lendo tamén en portugués.
Sería unha lista moi longa, coido que Alfonso Pexegueiro e Baldo Ramos son poetas que admiro moito. En canto a mulleres, Lupe Gómez , polo irreverente da súa escrita. Pero tamén María Lado, Eva Veiga, Rosalía Fernández Rial, Enma Pedreira, Arancha Nogueira, Alba Cid e un longo etcétera. Non me gustaría deixar ninguén atrás.
Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?
Penso que agora mesmo son fundamentais. Estamos a vivir momento duros en todos os eidos, pero no cultural é demoledor. O feito de poder espallar por esa canle é unha ferramenta moi poderosa que por sorte, temos nas mans.
Os últimos anos tivemos unha serie de acontecementos na Galiza & no mundo (crise de 2009 a Pandemia) e tamén unha maior visibilidade aos movementos de loitas sociais (feminista, LGBTQ+, anti-racistas…) — iso reverbera na súa creación literaria?
Totalmente. Procuro que a miña escrita abra unha xanela a todo ese movemento, e teño participado en moitas desas iniciativas.
O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
No inicio é coma un lóstrego. A inspiración venme en calquer momento.
Adoito crear camiñando polo monte ou na soidade da noite.
Logo deixo repousar e traballo nel. Si me convence vai cara adiante e senón desboto. Pero adoito escribir algo cada día.
Este libro, Non estamos preparados para medrar, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
Pois foi creado para un certame literario, que non enviei. Logo engadinlle algún que outro poema.
Creo que é unha forma de inspirarme, aínda que quede nunha gabeta.
Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor)? Poderías explicar por que?
Non hai fendas no xermolo do soño
Sempre nos queda voar!
Porque creo que os soños son o único que nos manten vivos, sen reixas.
Como coñeciches a editora Urutau?
Foi na presentación do libro Tren de Moncho Iglesias Miguez, no Venres de Letras en Ponteareas. Unha iniciativa da Consellería de Cultura da man de Hortensia Bautista e coordinada por Manrique Fernandez,para dar a coñecer escritores galegos/as, e que agardo, que poidamos recuperar axiña.
Algunha observación que queiras engadir?
Dar as grazas a editora Urutau por toda a labor de difusión da poesía en lingua galega e portuguesa.
Apostar pola poesía nestes tempos ten o seu aquel de salvagardar a utopía e alentar o devezo de moitas creadoras.
Asemade, pedirlle os concellos que se impliquen en dar visibilidade a poesia de base.
Teresa Ríos Noya
Participou do libro Obescrebimupo (Obradoiro de Escrita Creativa da Biblioteca Municipal de Ponteareas) coordinado por Roi Vidal Ponte. E ten poemas en revistas como Poeman II, NPG GaZeta e NPG- Nova Poesía Guitirica.
Foi finalista nos premios: Premio de 20 años de poesía — Casa Museo Diego de Giraldez, Certame de Microrelatos Prometo Galicia, IV concurso de haikus de Diversidade literaria e obtivo o terceiro premio no Concurso dende a Xanela, e accésit no concurso de relatos ilustrados de Nadal 2020 ambos convocados polo concello de Ponteareas.
Forma parte da Agrupación Poética de Base Versos de Area de Ponteareas.