“isto de me revolver nos ocos/de vibrar ata romeperme” — entrevista con Rosa Enríquez

editora Urutau
5 min readApr 2, 2020

--

A sexta dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.

por Silvia Penas Estévez

Rosa Enríquez (A Rúa, 1969)

A poesía é unha forma de ver o mundo?

Creo, máis ben, que a poesía está aí fóra. É anterior. Pensar que somos nós quen podemos mirar desta maneira, e, coa nosa ollada, facela existir, é concedernos demasiada importancia. A poesía non existe porque nós a contemplemos nos detalles, nas manifestacións do amor ou na potencia da natureza. Nós estamos aquí porque ela nos mira.

Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?

Cando era máis nova si que me inquietaba un pouco como podía ser recibido o que escribo, pero agora mesmo non. Penso que preocuparse por isto, deixar que me condicione, limita a potencia do que intento expresar. Segundo eu o vexo, a poesía non entende de límites, é unha transgresión da orde, do sentido común. Pode ser entón considerado o acto de escribir un acto egoísta? Talvez si, pero non me importa. Querer agradar a posíbeis lectoras ou lectores é como querer compracer a todo o mundo. Simplemente non se pode. Cómpre aceptar e asumir isto cando decidimos publicar un texto e dedicarnos ao que verdeiramente importa: vivir. Non ser vividas polos demais.

Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?

Hai pouca xente interesada realmente pola poesía. É certo. Mudar isto significaría facer cambios profundos non sistema educativo. Interesa facer isto de verdade? Paréceme que non. Se interesase xa se tería feito, porque isto da escaseza de persoas lectoras non é ningunha novidade.

Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?

Creo que son un medio de comunicación máis, unha ferramenta que pode axudar, en apariencia, a dar visibilidade. O que sucede é que estas redes sociais son un reflexo da sociedade, e, tendo conta disto, pregúntome eu, por que ía interesar máis a poesía ou a arte nas redes do que fóra. Ese interese e atención que quereríamos para a arte e a literatura non se vai crear por moito que se lle dea bombo nas redes. É algo moito máis profundo, estrutural. É unha cuestión de educación, e, xa que logo, de cambios políticos e económicos.

O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?

Sempre hai un poema que aparece así, de socato. A partir de aí, todo comeza a fluír, pero é o traballo minucioso o que dá forma a todo ese torrencial.

Vacastras (editora Urutau, 2020)

Este libro, Vacastras, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?

Xurdiu co texto que aparece ao inicio de “RABIA”. O xermolo é o instinto, esa afluencia de pensamentos caóticos aos que resulta díficil darlle forma. A idea de que a linguaxe deturpa o significado do que realmente sentimos levoume a pensar que nada hai tan interesante nun poema como aquilo que se oculta no escrito, o que fica fóra, o que non conseguimos expresar. Escribir un poema é un intento de tradución do inefábel, e, en tanto que “intento”, implica certa imperfección. Interésame esa imperfección.

Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor) ? Poderías explicar por que?

isto de me revolver nos ocos/de vibrar ata romeperme/tamén a vontade de me recoñecer furiosa/un pouco vacastra de cuernos torcidos/carezo de talento para agradar/creo que intento saír do poema/permitir que se exprese

Gústanme moitos, pero xa que me pedides que elixa un, escollo este, porque me vexo espida nel e non me importa en absoluto. É certo que carezo de talento para agradar. Ás veces creo que é como se comese coas mans onde a maioría come “como hai que comer”. Pero mirade, unha cousa vos digo, intentar preservar este estado un pouco salvaxe de inocencia, que non de credulidade, permíteme facer o que me apetece e estar con quen realmente quero. Vivir é o que importa.

Como coñeciches a Editora Urutau?

Coñecín Urutau grazas ás compañeiras de A Sega. Díxenlles que tiña un texto que estaba pensando publicar e Eli Ríos e mais Emma Pedreira comentáronme que Urutau estaba a editar poesía galega, así que me animei. E aquí estou.

Algunha observación que queiras engadir?

Só un desexo, que consigamos frear o contaxio deste coronavirus e poidamos dar un paseo ben longo. Moitas grazas.

Rosa Enríquez

(A Rúa, 1969)

licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente exerce como profesora de francés no Instituto Macías O Namorado, en Padrón. Dende hai doce anos publica un artigo semanal no xornal ourensán La Región. Tamén colaborou en Sermos Galiza, Novas da Galiza, e nas revistas dixitais Incomunidade, Terra e Tempo e Galizalivre. Ao longo do 2014–15, escribiu reseñas literarias no suplemento Pro-Texta da revista Tempos Novos. Despois de obter o premio de poesía Francisco Añón co libro Nas aforas (2005), iniciou a súa traxectoria como poeta ao publicar, posteriormente, Vestíbulo da devastación (2007). No 2011 viu a luz Desobediencia, no 2012 Atlas de Chaguán, no 2014 ESPECTROS e no 2016 HISTORIA DO MEU CORPO EN LABARADAS/HISTORIA DE MI CUERPO EN LLAMAS, que foi publicado en galego e castelán por unha editorial valenciana, Néopatria. Foi incluída en obras poéticas colectivas como Sétimo Andar Poesía Alén (2010), Pegadas (2011), Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro (2011), e nas antoloxías Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega, ed. Endymión (2012), e Novas de Poesía. 17 Poetas, publicada pola Fundación Uxío Novoneyra. Tamén publicou unha novela xuvenil de ciencia ficción e fantasía, na editorial Sotelo Blanco, titulada Unicrom (2008)

--

--

editora Urutau
editora Urutau

Written by editora Urutau

editora brasileira, portuguesa & galega.

No responses yet