“Non permitamos a obsolescencia programada do mundo artístico e dos nosos versos” — entrevista con Fátima N. Delgado
A 18ª dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.
por Silvia Penas Estévez
A poesía é unha forma de ver o mundo?
Absolutamente, a poesía é unha forma de ver o mundo, igual que o son outras expresións artísticas, o deporte, a ciencia, a gastronomía e ata o tunning. Ao principio pensaba que a poesía me facía ver o mundo dun xeito distinto e especial, que as e os poetas percibiamos o que nos arrodeaba máis intensamente, pero co tempo decateime de que non somos seres elixidos nin clarividentes, simplemente na poesía intentamos amosar e verbalizar a nosa cosmovisión, que non é nin mellor nin peor ca do resto dos mortais, simplemente é diferente.
Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
Normalmente non penso en ninguén, simplemente sae de min un verso ou un poema. Non obstante, ás veces se escribo cunha temática ou cunhas directrices que teño que cumprir para unha publicación concreta ou un encargo dunha antoloxía, si que penso no lector e a quen quero chegar, nesa caso a miña linguaxe pode verse modificada. Por exemplo: os poemas que recito no Prostíbulo poético. Alí teño unha personaxe á que represento, polo tanto a composición cambia, xa que non é Fátima a que escribe, é Mina O. e o seu estilo e as súas vivencias, que non son as miñas, son as que condicionan a escrita. Tamén cambia o proceso cando escribo poesía expresamente para ser recitada, poesía oral. Pero, nunca penso en agradar nin atraer ao lector especialmente.
Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?
Afortunadamente a poesía estase achegando cada vez máis a un público que se dicía alleo ou descoñecedor do universo poético. Aínda así, eu non lle chamaría lectores precisamente, quizais escoitadores, debido aos recitais, slams e agora ás redes sociais. En xera, penso que as e os poetas seguimos sendo lectoras maioritarias unhas das outras e a poesía escrita segue a ser xénero descoñecido para o gran público.
Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?
Penso nas redes sociais como ferramenta útil e necesaria na difusión da arte, pero sobre todo na conexión entre os artistas. Como ben dixen, a poesía chega a moita máis xente a través das redes que dos libros, pero isto ten os seus pros e os seus contras. Non todo vale. Agora coa situación de confinamento hai unha explosión cultural onde a poesía dende o sofá, os festivais, os recitais e as lecturas proliferan, sen ter en conta a calidade literiaria. Todo é de balde, todo vale, todas e todos somos poetas da noite á mañá. Eu son bastante reticente aos influencers e poetas de Instagram. A miña dúbida é: priman os followers ou prima de verdade a poesía? Temo a esa cultura de usar e tirar e sobre todo temo ás consecuencias económicas que vai ter na cultura todo isto. Ademais de poeta, son actriz e dramaturga e vexo que compartir arte é sempre necesario, pero non por iso temos que menosprezala e que o público pense que no futuro todo van ser agasallos artísticos gratis.
O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
Normalmente sae dun xeito inconsciente e cando menos o espero. Son de levar sempre caderniños no bolso e aproveitar calquer papel ou a grabadora do móbil para gardar versos, frases ou poemas enteiros que saen de min cal fluxo de inconsciencia. Despois reconstrúo o apuntado e pasoo por un baruto para quitar a borralla, aínda que en xeral non son de pulir moito a miña escrita; son bastante impaciente e penso que se o poema xurdiu así non son quen de modificalo en exceso e facer del algo artificial. No caso dos poemarios é distinto. Normalmente deixoos repousar moito tempo e volvo a eles quizais anos despois para ver se o conxunto dos textos me din algo e se esa colectividade ten sentido.
Este libro, Ninfopoética, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
Ninfopoética foi escrito entre 2002 e 2004. Xurdiu das miñas experiencias e desvaríos nocturnos entre Compostela, Manchester e a miña vila natal: O Barco de Valdeorras. É un poemario impreciso e de iniciación. Tiña 21 anos cando o escribín e todo eran dúbidas e experimentación co corpo, coa poesía e coa vida. Penso que é unha rara avis a nivel poético que define á perfección unha etapa fermosa da miña existencia. Son poemas para ser falados e compartidos, para recitar na rúa ou ao saír dun pub de troula, poemas que levaba impresos e lía na escuridade coas amigas e que necesitan de certas substancias, da música electrónica ou do rock para ser lidos na súa plenitude.
Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor) ? Poderías explicar por que?
“Somos colmea
seres tautolóxicos
devorando Setion a
grolos
forzados,”
Penso que reflicte a natureza do poemario, unha colmea de abellas novas e post-adolescentes que repiten cada noite o mesmo ritual, que se buscan e se ven forzadas a un comportamento imposto e xeralizado, a esa construción social que é a mocidade. Ademais é a apertura do libro e penso que non hai xeito mellor de introducirnos no universo da ninfopoesía.
Como coñeciches a Editora Urutau?
Por un anuncio en Facebook da chamada aberta para poetas galeg@s, que se non me lembro mal compartiu na súa conta o poeta Carlos Da Aira no verán do 2018. Presenteime con tres poemarios e elixiron Ninfopoética, para a miña sorpresa.
Algunha observación que queiras engadir?
Coido que é necesario que a poesía se achegue ás novas xeracións pero non só a través de internet e de poemas dun só uso. As e os poetas debemos ter un compromiso de baixarnos do pedestal literario e de amosar nos centros de ensino o que para nós é a poesía e como a poesía está en todo o que nos arrodea. Se non coidamos aos futuros lectores, a poesía tenderá a ocupar un espazo residual na sociedade. Na miña opinión a función primordial da poesía é a de conectarnos con nós mesmas e coas demais persoas. Non permitamos a obsolescencia programada do mundo artístico e dos nosos versos.
Fátima N. Delgado
É ovarios, serpe, egua, Salomé, viño tinto, apéndice, dragoa, manequín, Ulises, ouveos e sobre todo muller metáfora. No 2004 obtén o 2º premio no “V Certame de Poesía para novos creadores Díaz Jácome” co poemario Vou xogar ao fútbol coas letras do abecedario, a partir de aí gañará varios premios de poesía dentro e fóra de Galiza. Atopámola na Antología del beso. Poesía última española, en blogs como Las afinidades electivas, El coloquio de los perros e revistas como Dulce arsénico e Poe+. No 2013 publica Vestida de domingo, Antoloxía poética bilingüe dentro da colección Alcálima de Romania Minor. Vive en Madrid dende hai unha década. Alí mestura a súa vida poética coa de actriz e dramaturga. Funda a compañía Meninas Teatro, participa en recitais de poesía e no Poetry Slam Madrid, forma parte do Prostíbulo poético, escribe e roda curtametraxes, produce micro teatros, é creadora nos colectivos Las Tizas Magdalenas Periféricas e Hacedoras de la Puerta e recentemente é unha das fundadoras da compañía de teatro-danza La Méduse. Hai un tempo decidiu pechar os ollos e abrir a boca para berrar de dor, pracer, fame e angustia. Foi entón cando vomitou cada un dos seus anacos ata que se desfixo enteira. Ama xogar coas palabras, espir o seu corpo e parir a súa alma de nómade, de feirante.
Fala cando mastiga, cando escribe cospe.