“O poema estoura na cabeza inesperadamente” — entrevista con Ángel Suanzes

editora Urutau
6 min readJun 6, 2020

--

A 71ª dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.

por Silvia Penas Estévez

Ángel Suanzes

A poesía é unha forma de ver o mundo?

Sen dúbida, o xeito de ver o mundo buscando a beleza, ou, se non existira a beleza, na busca de algo máis que non é evidente, algo que nos toca. Preciso que algo me toque para me interesar. A poesía é unha saída aos sentimentos na escrita e unha entrada na lectura. É crear imaxes no baleiro sen que a outra que lé ao teu carón estea vendo a mesma imaxe ca ti. pero, sempre, neste proceso, extraendo intentando chegar ao xermolo da beleza.

Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?

Non, non podo pensar nun lector imaxinario. Iso lastraría a escrita porque podería levarme a evitar certos termos ou ideas coa fin de buscar unha aceptación do escrito. Son xornalista de profesión e a comunicación sempre está presente nese traballo.

Aínda así, concibo o poemario como un proceso de desvestir o interior para que quede á luz e aí sempre hai unha conversa con alguén, pero ese alguén hipotético nunca é unha posible lectora. É alguén con quen me comunicar, aínda que eu pense nunca chegará ler o escrito. De feito, nunca fun realmente consciente de que o poemario podería publicarse.

Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?

Se a maioría de xente non é lectora, como vai haber un lectorado de poesía? Ou dito doutro xeito, o reduto de lectoras de poesía existe, pero é iso, un reduto. A poesía é o formato máis complexo de comunicación escrita e o público en xeral non ten ganas de facer esforzos extra cando chega do seu traballo e as súas preocupacións. A poesía precisa o seu momento, a súa tranquilidade; no ir e vir continuo, a parada para pensar/ler poesía faise imposible. E a poesía, como o bo cine ou a boa pintura ou calquera tipo de expresión artística, precisa dunha formación que o sistema educativo actual non aporta. Seica porque a forma de ver o mundo da que falabamos ao principio non é a busca da beleza, se non o beneficio inmediato.

Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?

Todo o que sexa promoción debería ser ben acollido. Eu descubro poetas en instagram e calquera xeito de entrar no mundo poético paréceme positivo. Precisamente, evitar que a lectura de poesía sexa para unhas poucas persoas pasa por poder amosala en calquera espazo disponible e en calquera formato que acepten os versos. Son partidario de que a poesía pasee polas redes sociais ao igual que o fai nas paredes dos edificios das cidades. Non hai nada máis suxestivo que ver unha pintada que che toca nun momento inesperado.

O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?

O poema estoura na cabeza inesperadamente, pero é certo que vén de atrás. É inevitable. Son ideas e sensacións que levan dentro moito tempo e que se van mesturando entre si con outras xa existentes de antes. Ser quen de ordear as palabras para acadar unha imaxe é parte da felicidade de escribir poesía. Poñer negro sobre branco forma parte da extirpación dun pensamento interno que non deixa de se mover, pero que na maioría das ocasións non aflora. Cando o fai, malia que moitas veces doa, é liberador.

Ese a memoria está na boca (Ángel Suanzes & fotografías de Clara Honorato Soto) (no prelo, Editora Urutau, 2020)

Este libro, E se a memoria está na boca, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?

Xorde claramente do desamor. Non temos educación sentimental. Poden pasar os anos e as experiencias e non sabemos que acontecerá en cada situación das nosas vidas. Por moito que haxa unha repetición do xa acontecido, sempre hai algo que acaba por levarte a outro lugar. Dinme conta de que, aínda que xa o vivira antes, non sabía que era o desamor. Seguramente porque tampouco sei que é o amor, pero nese sentimento positivo navegamos e temos milleiros de referencias de como gozalo, aínda que moitas sexan discutibles.

Na despedida, non. O tempo xoga un papel fundamental que non se pode manexar. Iso foi o que intentei neste poemario, falar do tempo como única resolución do desamor. Por iso a memoria, por iso a néboa que sacude todo, por iso as fiestras e os reflexos, e por iso, as fotografías de Clara Honorato aportando todo o abandono que só o visual é quen de transmitir.

Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor) ? Poderías explicar por que?

Non hai favorito, pero vou escoller un,

“Todo vai caducar,
todo,
incluso o meu irreverente xeito
de crer que todo vai caducar”

“Lembrarás o que fomos cando sexas nai”.

Escollo este como podería escoller outro se contestara a esta pregunta noutro momento. Pero aquí está un alegato contra o cinismo e unha elexía do tempo. Podes crer que a negación vai acadar resultados, pero só o tempo ten as solucións. Vivimos tempos nos que do debate entre cinismo e idealismo sempre sae vitorioso o primeiro. Na busca da beleza que contén sempre a poesía, defendo o idealismo como bandeira imprescindible. E este poema é como petar coa cabeza contra a parede para abrir de novo os ollos cando a ola de cinismo entra forte nun

Como coñeciches a Editora Urutau?

Pola miña labor de xornalista durante anos no programa Zigzag, da Televisión de Galicia. Tiven contacto con diferentes poemarios e agradoume moito o xeito de afrontar o traballo poético. Logo tiven a fortuna de que lles gustara o poemario e de ir aprendendo con Urutau todo o proceso de conversión duns versos escritos na intimidade cara á porta de saída que é a publicación. Sen dúbida, o aporte do traballo de urutau fai que o texto poida ter unha entidade que non tiña nun simple documento nun ordenador.

Algunha observación que queiras engadir?

No poemario hai un xogo que busca a conversa entre diferentes narradores no espazo/tempo. Gustaríame que algún día, se houbera lectoras, xogaran a completar elas a súa propia frase entre aspas. Que a poesía non quedara nun monólogo e poidera dar lugar a un diálogo e a unha escoita para a aprendizaxe.

fotografía de Clara Honorato Soto

ángel suanzes

licenciado en xornalismo pola upsa e leva desde finais dos 90 na práctica da profesión en diversas radios e televisións tanto en Galicia como en España. A súa carreira profesional levouno polas seccións de deportes, infomativos, pero tamén no guión e na coordinación de programas de entretemento, así como na confección de diálogos para series de televisión.
Desde o 2006 exerce como xornalista cinematográfico na Televisión de Galicia (crtvg), primeiro en Planeta Cine e desde o 2010 ata a actualidade no Zigzag Diario. Durante ese tempo, desenvolveu coberturas en festivais internacionais coma Cannes, Venecia ou San Sebastián e en eventos coma os Premios Goya. Presentou as galas de inauguración e clausura no Festival de cine de Ourense e no Novos Cinemas de Pontevedra en varias ocasións e desde a súa conta
de twitter exerce de bardo día a día sobre os pormenores do cinema galego.
Comunicador, chega á poesía nunha viaxe de ida e volta. Desde os versos agochados da adolescencia ata este primeiro poemario con sabor a primeira vez. Porque a poesía é o camiño máis longo para chegar ás sensacións
e aos sentimentos propios e alleos. Na busca da palabra aparecen verdades inexploradas, desexos contidos e segredos non revelados. Escribir poesía é rebelarse, unha afirmación de dignidade, liberdade e autonomía espida nos versos, aberta ao mundo.
O único xeito de comunicación no que a subxectividade é un aliado imprescindible e ben considerado.

--

--

editora Urutau
editora Urutau

Written by editora Urutau

editora brasileira, portuguesa & galega.

No responses yet