“un EU que compartirmos” — entrevista con Gaspar Domínguez
A 10ª dunha serie de entrevistas co/as poetas da editora Urutau.
por Silvia Penas Estévez
A poesía é unha forma de ver o mundo?
Non unha, senón moitas formas de ver o mundo. Existen tantas poéticas como persoas a participar da poesía. Claro que a poesía non é un mero asunto literario, un fado de elocuencia, unha zoupada para os ollos e os ouvidos cansos. A poesía vivímola. Poetizar a existencia é facer poesía mais non require escribir poesía.
Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
Non. Para min a produción versos é coma un xogo que transcorre na intimidade. A palabra poética ten esa vocación íntima e nese trance non concibo nada semellante a un público. O poema faise para erguer a poesía.
Cres que hai un lectorado de poesía ou que se cumpre esa idea de que os poetas se len entre si unicamente?
A sociedade actual non parece mostrar grande interese pola literatura e xa non digamos pola lírica. E hai que advertir que tampouco se observa moito interese entre as propias poetas. Eu mesmo estou cada vez máis convencido de que a verdadeira poesía non esixe tal interese. Pola contra é ben certo que os libros de poesía contemporánea xorden maiormente ao abeiro de distintos círculos de promoción literaria, conformados por colegas, onde se representan moitas cousas alleas á poesía.
Que opinas sobre as redes sociais como difusoras de arte, recitais etc.?
“Despois de Auschwitz, Internet”. Así versa un aforismo do Paulo Hortak que ben podería ser o corolario das miñas teses sobre o asunto. E este é un asunto sobre o que teño matinado bastante.
En 2011, tras unha experiencia de 10 anos como editor da revista poética en rede Andar21, Elvira Ribeiro convidoume a traballar sobre esta mesma cuestión (Poética de redes, 2011) nunhas xornadas da AELG. A conclusión última que tirei daquela foi que o futuro da poesía está na oralidade (e á vista dos progresos da domesticación, manteño a aposta).
O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
Os versos abrollan. Despois, ás veces tamén está o cultivo do poema que lles aporta aos versos un lévedo e un xeito á moda da casa. Mais ben sei que o resultado precisa do repouso e a peneira do tempo para madurecer.
Este libro, Matriz de area, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
Matriz de area é unha escolmiña dos meus poemas galegos. O libro -tan demorado por distintos motivos- xorde de certo trala peneira de varias décadas de experiencia poética. Concretamente os poemas proceden de media ducia de poemarios inéditos (‘A metafísica non para os golpes’, 2012; ‘Promenades”, 2011; ‘Negarse a comparecer’, 2006; ‘Sinos de fume’, 2005; ‘Materia de Trasancos’, 2000; ‘A rama guinda’, 1998; ‘Harmonía’, 1997).
A disposición alfabética dos poemas, desfacendo a faceta temporal e barallando a estilística, foi unha das decisións máis delicadas que tomei. Os versos circulan neste libro arredor dunha imaxe xeolóxica que decanta os diversos materiais que compoñen a miña poética: cristais, vidros, fósiles, seixos… Estes elementos xogan un papel importante na escolla que incide, desde a intimidade dos propios pasos, na procura dun ‘eu’ telúrico, sanguíneo, xeolóxico, matricial.
Un EU que una
Un EU da unidade
Un EU que compartirmos
coma o tempo
que escorrega arestora
no reloxo de area.
E segue e segue e segue
e seguirá
até que os microplásticos atoen oreloxo.
E mesmo así,
lixada polo refugallo de nós,
continuará a unidade do mundo.
En definitiva, para min este testemuño poético é un acto que vai moi alén do literario. É un exercicio de psicomaxia para asumir, para reivindicar, para defender a inocencia, a beleza e a simplicidade do mundo.
Cal é o teu verso favorito do libro (transcríbeo, por favor) ? Poderías explicar por que?
En conxunto, a poesía de ‘Matriz de area’ é austera, clara e firme. Como veredes, o libro non contén nada experimental. Os poemas desta escolma non foron premeditados para agradar ou convencer. É unha escrita sen adornos nin efectos especiais. Non obstante, en ocasións teño observado na miña forma de compoñer unha certa intencionalidade que debulla as imaxes, explicando o trasfondo. Isto semella restarlles algo de misterio ao simplificalas.
Ao cabo, entendo que é no formato máis breve, aberto e menos preciso -no que adoitan xurdir os versos- onde me sinto mellor.
Daquela “Xa si, agora é primavera, co trebón”
Como coñeciches a Editora Urutau?
O primeiro en falarme da editora foi o amigo Alfonso Rodríguez, cando estaba a preparar as súas ‘Lobotomías para flores’. Desde aquela, ao meu ver, a Urutau foi quen de provocar un dos revulsivos máis felices da poesía última no noso país. É por iso que cando en 2019 fixestes o chamado aberto para poetas da Galiza non o pensei dúas veces.
Algunha observación que queiras engadir?
Solidariedade e apoio mutuo son poesía. Azos!
Gaspar Domínguez
(Cartagena, 1971)
A súa creación poética en galego apenas foi difundida de viva voz ou en revistas e publicacións colectivas (Feros Corvos, Espasmo, Dorna, Ultragráfico …), en ocasións da man de heterónimos coma Paulo Hortak. No entanto, xa en 1999, Las Poleas de Tesalia , unha escolma en castelán, foi premiada coa súa publicación en Murcia, onde tamén vén de publicar o seu relato máis recente: Nadie es profeta (La Marca Negra, 2018).
Documentalista, bibliotecario e editor independente. Creador do ezine A rama guinda (Ferrol, 1998) e da revista poética Andar21 (2001–2011), un dos primeiros proxectos colaborativos da cultura galega en internet. Tamén foi membro fundador do colectivo editorial Ren de Ren e tomou parte no colectivo de intervención Mar de Tinta. Na actualidade mantén o blogue cultural scqlab.info.